Thursday 09 de May de 2024

A caída de parte do muro que vincula Vía Ártabra coa N-VI reabre a preocupación polas graves eivas desta infraestrutura en Oleiros


O BNG rexistrará unha iniciativa no Parlamento para pedir explicacións e depurar responsabilidades, tanto técnicas como políticas.

A ligazón entre a Vía Ártabra coa N-VI, que hoxe sufriu un derrubamento, abriuse hai menos dun ano, e o despropósito vivido hoxe súmase ás diversas incidencias que esta infraestrutura viviu nos últimos anos, tanto administrativas como mesmo xudiciais, e agora tamén técnicas.
Esta obra sufriu diversas modificacións desde o seu inicio, xa que se anulou a conexión coa A-6 que estaba inicialmente prevista, ademais do problema administrativo derivado dunha disputa sobre a competencia para a aprobación dun proxecto do trazado, que provocou unha importante demora nos traballos.
O acontecido hoxe non fai máis que acrecentar as dúbidas sobre a xestión de todo o relacionado coa Vía Ártabra, e o BNG ten especial interese en coñecer quen vai asumir o custo da reparación dunha obra tan recente. A incompetencia da conselleira non pode continuar a ter repercusións para a cidadanía.
Hai unha semana quedaron abertos os accesos ao Porto de Lorbé, tamén en relación con esta Vía, con varias deficiencias das que o BNG tamén alertou no pasado Pleno de Oleiros.
O Bloque Nacionalista Galego rexistrará unha iniciativa no Parlamento, en canto sexa posíbel, para pedir explicacións e responsabilidades, tanto por este erro técnico como pola súa vertente política, e volveremos insistir na nosa demanda de aclaracións urxentes sobre esta infraestrutura fundamental: cando, como e onde vai rematar a Vía Ártabra, se haberá liberación de peaxes e protección ambiental, alén das repercusións económicas dos atrasos e das eivas da obra.